Thursday 25 de April de 2024

A Casa do Mel alerta da maior presenza de avespa asiática durante este verán e constata a efectividade como atraente da mestura de auga, azucre e levadura


As trampas con levadura, as mellores contra a velutina

O ano 2014 foi o da toma de conciencia máis ou menos xeral do perigo que supuña a avespa asiática para os colmeares, a froita e o medio ambiente. E malia o que se leva feito o problema non vai a menos. É máis, vai a peor, tal e como confirma a Asociación Casa do Mel de Goente, unha das entidades de referencia para a apicultura da nosa zona. Segundo comenta o seu presidente, Manuel Ferreira, este ano as condicións climáticas adiantaron os tempos de cría nas zonas con menos altitude, de maneira que nas veigas e cotas baixas de San Sadurniño xa se detectaron niños secundarios de grande tamaño con obreiras traballando e atacando froiteiras e colmeares. Se detectamos un destes niños relativamente preto dun lugar habitado, non queda outra que chamar ao 012 para que a Xunta envíe un equipo de retirada. Na outra fronte da loita desigual contra a avespa invasora, centrada na protección de abellas e froiteiras, o único que podemos facer é trampear ou colocar arpas eléctricas.

A solución das arpas só é de aplicación para apantallar a parte dianteira das colmeas, lugar favorito da velutina para capturar abellas que saen recolectar alimento ou cando regresan cargadas con el. No colmear didáctico da Cortiña, xestionado pola Casa do Mel, teñen instalados estes dispositivos combinados con varias trampas líquidas e, segundo Manuel Ferreira, “fai falla todo” para tentar conter os ataques, algo certamente difícil nun ano de altas temperaturas en que, segundo parece, “é moita a que hai”, asegura Ferreira referíndose á avespa asiática.

A Casa do Mel constatou que nas zonas baixas da comarca o ciclo vital da especie trala hibernación vai máis adiantado que en anos anteriores, de modo que neste intre xa estarían localizándose niños secundarios cando o normal sería estar tratando con colonias primarias máis pequenas e con menos exemplares. “Na zona das Pontes están aparecendo sobre todo niños primarios, pero na vosa zona -por San Sadurniño- xa hai moitos secundarios cheos de obreiras”.

O que afirma o responsable da entidade apícola confírmanolo tamén veciñanza que ten colmeas ou hortas con árbores froiteiras. Nas primeiras levan máis de mes e medio rexistrando ataques de velutina que se intensificaron desde finais de xullo. No caso da froita, só con dar unha volta por calquera pomar ou plantación de pereiras veremos que as avespas asiáticas están estragando a froita antes incluso de que madure. E quen teña uvas, que vaia preparándose: as parras están moi vizosas e cabe esperar que, de manterse a calor, os acios se adianten quince ou vinte días máis do habitual. Toda unha festa para velutina.

Tras doce anos desde que se confirmou a presenza da vespa velutina nigrithorax na península e case dez desde que se tomou conciencia da necesidade de combatela, a praga segue forte no territorio e sen visos de que se vaia poder acabar con ela, polo menos mentres non se comercialicen os atraentes sexuais que se están investigando.

Con respecto ás trampas, desde a Casa do Mel seguen confiando na mestura clásica de cervexa negra, viño branco e un zume de arandos ou calquera outra froita silvestre, sobre todo para a súa colocación en zonas afastadas onde se detectasen niños o ano anterior e ás que non se queira ter que ir con frecuencia.

Pero se se pretende contar con algo máis efectivo, aínda que requira máis atención e constancia, na asociación téñeno claro: as trampas feitas con auga, azucre e lévedo. O líquido é doado de facer. “Hai que disolver 2 quilos de azucre en 5 litros de auga quente. Remexemos ben e despois desfacemos na mestura un dado de 50 gramos de levadura do pan. Botámolo nunha garrafa tapada e agardamos ata o día seguinte. Tan pronto vexamos que a fermentación está en marcha, xa podemos utilizar o líquido”, explica Manuel Ferreira.

Para Manuel Ferreira e para moitas abelleiras e abelleiros esta é a mezcla caseira que dá mellor resultado, co inconveniente de que hai que baleirar as trampas e cambiarlle o atraente por outro novo “todas as semanas” para que non perda efectividade. Do modelo de trampa axeitada -feita cunha botella de plástico- falamos neste artigo que publicamos no mes de maio.

Avisos ao 012
San Sadurniño é un dos concellos galegos que subscribíu convenio coa Xunta de Galicia para entrar no programa de retirada de niños que se detecten e que presenten un perigo real pola proximidade a vivendas ou zonas habitadas. Para dar aviso é necesario chamar ao teléfono 012.

Recordamos, por último, que se se van facer traballos forestais ou rozas debe terse moito coidado, posto que pode haber niños nas copas das árbores ou no medio da maleza. Nesta información que sacamos en 2021 por esta mesma época resúmense as precaucións que cómpre adoptar para evitar ataques potencialmente fatais.